22/5/08

A NOSA ESCOLA NOUTRO TEMPO









O pasado venres 16 íamos celebrar o Día das Letras Galegas cunhas xornadas de xogos populares, coa vestimenta axeitada para a época. Polo mal tempo tivemos que cambiala para onte, visitáronnos varios mestres e moitos rapaces e rapazas daquela época e entre todos descubrimos as diferenzas entre aquelas escolas e as de hoxendía.
Os xogos tivemos que volver a aplazalos polas chuvias.


¡Outra vez será!

18/5/08

A LÍNGUA DAS VOLVORETAS







Esta semana continuaremos co cine en galego.
Para os maiores "A LÍNGUA DAS VOLVORETAS".
Unha película que nos axudará a acadar o obxectivo que pretendemos este ano co proxecto de "A ESCOLA NOUTRO TEMPO"

Comenzos de 1936. Nun pequeno pobo galego, Moncho, un neno de oito anos vai empezar a escola. Ten medo porque escoitou que os mestres pegaban aos nenos. Don Gregorio , o mestre que non pega, terá que ir buscalo á súa casa. Don Gregorio ensina aos seus alumnos coñecementos tan especiais como pouco académicos: a orixe americana das patacas ou que as linguas das volvoretas teñen forma de espiral. Coa chegada da primaveira, saen a dar as clases ao campo.
A historia dunha infancia nun entorno rural case idílico sobre a que se cerne a sombra da guerra.
Baseada nos contos "A lingua das bolboretas", "Carmiña" e "Un saxo na néboa", extraídos do libro "¿Que me queres, amor?" de Manolo Rivas.

17/5/08

CELEBRAMOS AS LETRAS GALEGAS







Toda esta semana estivemos con diferentes actividades, que continúan ao longo do mes, para celebrar o Día das Letras Galegas.
O venres visitounos Hilda Amoedo, unha muller moi comprometida coa recuperación da cultura popular. Falounos de como era a escola cando ela era pequena, do mobiliario, da aula, do número de alumnos e a súa división por sexos, da disciplina, do material que se utilizaba: un só libro, a pizarra, o pizarrín, a pluma, o papel secante...
Non lles deixaban falar en galego, e cómo sufría ela, pois esa era a súa língua.
Ían en tamancas á escola pero no verán deixábanlles ir descalzos.
Contounos dous contos de cando era pequena e ensinounos algúns dos xogos que facían.Acabamos a sesión xogando todos xuntos a un xogo que ela nos ensinou.

En definitiva, aprendimos que a escola cambiou moito nestos anos, desde os nosos avós ata nós, nos libros, nas clases, nos profesores, nos alumnos…

¡Grazas Hilda!

16/5/08

EXPOSICIÓN: "A ESCOLA NOUTRO TEMPO"


Hoxe abrimos a exposición “A ESCOLA NOUTRO TEMPO” ,e xa foi visitada pola tarde por moitas familias. Poderase visitar todos os martes de 5,30 a 6,30 ata finais de curso.

O obxectivo será que os nosos rapaces e rapazas coñezan as semellanzas e diferenzas da escola entre anteriores xeneracións e aprendan a valorar as posibles melloras ou apreciar aspectos que deberiamos recuperar hoxendía.
O alumnado coñecerá como a lingua galega estivo prohibida na escola dos seus avós e avoas.

Nesta exposición poderemos atopar diferentes recunchos.
No primeiro hai fotografías escolares individuais e colectivas desde o ano 1910 ata a década dos 80, nas que o noso alumnado pode descubrir aspectos impensables no tempo actual: separación de clases por sexos, como todo o alumnado compartía a mesma aula sen ter en conta as idades, como nas fotos aparecen novos avances que ían xurdindo na sociedade ( a máquina de escribir, o teléfono, a televisión... )

Noutro recuncho atopamos material escolar de principios de século: pizarras, pizarríns, tinteiros, plumiñas, secantes, diferentes tampóns, compás,... Poden contemplar unha completa recopilación de libros, cartillas, cadernos, caligrafías e útiles de escritura cos que os nosos avós realizaban as actividades escolares.

Outro apartado está adicado ao material deportivo desde os principios das concentracións escolares no Concello.Xunto a estos aparecen tamén xogos e xoguetes de diferentes épocas, algúns esquecidos ou a piques de esquecer.

Por todo o percorrido atopamos libros e cadernos desde principios do século XX , un pupitre e a mesa do mestre ou mestra das antiguas unitarias. Tampouco falta o globo terráqueo ou esfera, sobre a mesa do profesor.

Con esta mostra queremos recuperar, conservar, estudar e mostrar producións e bens de interese para a historia da educación e a memoria da nosa Comunidade Educativa.






15/5/08

"DON MOUCHO" E AS LETRAS GALEGAS

Esta semana "Don Moucho" propúxonos unhas preguntas relacionadas coas Letras Galegas, podedes aproveitar a exposición para descubrir as respostas.


13/5/08

ROMANCE DO PESCADOR PELERIÑO

Hai días publicamos no blog o Romance do pescador Peleriño, cantado por Suso Vaamonde.
Hoxe queremos mostrarvos o cartel que fixemos no 2º ciclo , que ilustra o poema.

Para coñecer outras facetas do autor ...le con atención os carteis explicativos do seu labor como arqueólogo e editor, ademáis das curiosidades sobre a súa vida.

Achégate a vela nos recreos, e lembra que non debes tocar só ler e observar!!












12/5/08

ROMANCE DA LINGUA GALEGA

Sabías que a lingua galega ten moitos anos ??
Se queres coñecer parte da súa historia achégate á exposición e observa os carteis que alumnado de 2º Ciclo elaborou, ilustrando o romance da historia da Lingua Galega do escritor Darío Xohán Cabana . A través deles podemos entender o significado do día das Letras Galegas.

11/5/08

ROMANCE DE ÁLVAREZ BLÁZQUEZ





Durante o transcurso da segunda avaliación se estivo traballando dende o ENDL do centro na elaboración duns carteis, cos que montamos unha exposición, en homenaxe ao escritor galego Xosé María Álvarez Blázquez, ao cal se lle dedica este ano o día das Letras Galegas.

Hoxe fannos partícipes deste traballo preparado por eles e que nos permite disfrutar do romance deste
escritor na voz de Suso Vaamonde.

10/5/08

CINE EN GALEGO

Durante este mes estamos celebrando o mes das letras, como xa sabedes, e entre as actividades propostas está un ciclo de cine en galego.

A primeira película, escollida para os pequenos, é PINOCHO 3000.Unha adaptación futurista do conto clásico de Carlo Collodi.

Os estudios Bren (Santiago de Compostela) realizaron integramente o modelado de todos os decorados e props (atrezzo) deste filme, así como un dez por cento da animación.

O inventor Gepetto, coa fiel axuda do seu pingüino Spencer, crea Pinocho, un meniño cunha grande imaxinación grazas ao microprocesador P3K. O malvado alcalde Scamboli, archiinimigo de Gepetto, cre que os cativos perturban a orde da súa perfecta tecnocidade e pretende encerralos todos nun parque de atraccións.

Se queredes saber algo máis clicade sobre a imaxe.

9/5/08

ÁLVAREZ BLÁZQUEZ.O AÑO PITAÑO

De tanto cantar e xogar todo o día , a nena cando chegaba a noitiña non podía co seu corpo. Os pais tampouco pero a eles aínda lle quedaban un último traballo pedirlle aos gatos, ao cabalo, ao galo, as galiñas…que se fosen deitar para que “Colorín” collese o sono.Porque ela non quería durmir mentres estivesen despertos os animais que lle puñan medo e os que a facían rir.

O año pitaño

vai no paraño.

A cabuxa luxa

marchou onda a bruxa.

O gato cegato

fuxiu ao burato.

O coello vello

anda no cortello.

O galo ralo

rubiuse no valo,

i a galiña tiña

está na cociña.

Anda neniña

déixaos estar

e imos brincar

coas cunchas do mar.



(Poema ilustrado polos alumnos e alumnas de Educación Infantil)

8/5/08

ÁLVAREZ BLÁZQUEZ.ARCO DA VELLA

O pai escorrenta as cousas grandes que lle puñan medo a Colorín : a chuvia, a néboa, o vento , o arco da vella.


Arco da vella

vaite de aí

que as nenas bonitas

non son para ti.

Fuxe chuvia, fuxe sol,

fuxe roda de color

que a meniña quer brincar

coas areas do areal.

Vaite néboa, vaite vento,

vaite cara de mal tempo

que a meniña quer correr

polas areas do ler.

¡Ai, Miña neniña, nena,

non se vai o arco da vella!

Este poema foi ilustrado por alumnos e alumnas de Educación Infantil

7/5/08

6/5/08

ALVAREZ BLÁZQUEZ.TRES AVELAÍÑAS


(Poema ilustrado polos nenos e nenas de 1º)

Unha mañá preciosa de sol saen os tres ( a nai, o pai e Colorin) ao campo, para apañar flores , e os caracois póñenlle un camiño de seda a Colorín para que pise entre as herbas sen mollar os pés e outro dia falan ela e os animaliños do campo.

Polo laranxal

tres avelaíñas andan a voar.

Unha, dúas, tres,

De presa que voan, vense e non se ven.

Polo laranxal

Tres avelaíñas andan a chuchar.

Unha, dúas, tres,

de tanto que chuchan , borrachas de mel.

¡Caídas no chan,

tres avelaíñas polo laranxal!



4/5/08

ROSEIRA DO TEU MENCER





Hoxe ...queremos compartir con vos,a través do blog, uns poemas que o autor Xosé Mª Álvarez Blázquez adicou á súa filla cando naceu, e que foron ilustrados por nenas e nenos de Infantil e 1º Ciclo de Primaria.

Os poemas atópanse no libro “Roseira do teu mencer” e témolo na biblioteca do colexio, á vosa disposición.

Animádevos a lelas son moi sinxelas e bonitas. Desexamos que vos gusten.

Estaban na casa Don Xosé Maria e Dona María Luisa, á noitiña, el lendo un libro, ela anotando nunha libreta os gastos do mes, cando de súpeto, entrou por debaixo da porta un arrecendo de rosas.Era Colorín, que viña de non se sabe. Acababa de nacer. Por iso o libro chamouse Roseira do teu mencer. O mencer de Colorín , os seus primeiros dias e meses de luz están relatados con versos pequenos que son para cantar.Poemas adicados á súa filla á que lle chamaron Colorín por vela ao nacer colorada de ledicia e cos ollos azuis como a auga dunha fonte .

Xosé Mª Álvarez Cáccamo ( fillo do autor)

VISITAS Á BIBLIOTECA MUNICIPAL

Un ano máis o noso colexio está visitando á Biblioteca Municipal.A súa directora guia a visita, explícalles as normas de uso e logo lelles algún conto.
Algúns cativos xa son socios da biblioteca e incluso asisten aos contacontos que se celebran alí todos os xoves.
Moitos deles saen desexando chegar a casa para contarlles aos seus pais o ambiente que alí se respira, todo o que hai na biblioteca e voltar á tarde para facerse socios.

¡Son momentos moi especiais

¡Grazas Moné pola túa dedicación!

2/5/08

MES DAS LETRAS




Achégase o mes de maio . No colexio decidimos chamarlle Mes das Letras e adicalo a moitas actividades : cine, teatro, xogos tradicionais, exposición da “escola noutro tempo”…

Pouco a pouco vos iremos informando de todo.

Tamén é un mes no que coñeceremos a figura de Xosé Mª Álvarez Blázquez que como xa sabedes é o escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas .

Imos empezar por animaros a ver á exposición sobre a vida e obra de Álvarez Blázquez, situada na entrada principal do colexio.

Cada día imos mostrarvos unha parte deste traballo colectivo de alumnos e profesores para que vos animedes a apreciala en directo.

Hoxe presentámosvos os carteis sobre a biografía do autor, elaborados por alumnos de 5º e 6º .